Novembro 4, 2009 por pastorpaez
Nota: o texto móvese en hipóteses ousadas.
Hai pouco que me decatei, nun encontro comigo mesmo, de que as influencias do artista, que algúns deostan, son indicador dun aperturismo necesario e un arrequecemento que enaltece a obra de arte. Para nada é malo, por exemplo, ver a Roberto Bolaño en Xosé Carlos Caneiro, a Sócrates en Platón, ou todo o cinema dos anos setenta de baixos orzamentos en Quentin Tarantino.
Mágoa debía de ser, cando un artista rupestre se enfrontaba a un lenzo pétreo, saber que as únicas influencias posibles eran as de outras pinturas rupestres, de trazos esmirrados e puerís aparencias no amencer da humanidade, ou cando os artistas exipcios non eran quen de saír de seu canon estático de debuxo de perfil, porque quizais se arrodeaban sempre dos mesmos modelos, e a falta de contacto con outras civilizacións e artes os obrigaba a mirarse (artisticamente) o embigo, ou cando os gregos estableceron o canon proporcional, que pensaron único e irrevogable e, por iso quizais, todos os artistas parían obras de semellante factura.
Pero a parte magnífica de que os artistas dun período histórico pariran similitudes artísticas (debuxos de La Codorniz, debuxos dos libros de texto dos anos 70 do século XX…) é que se adscriben a esas épocas e se amosan como sinais de identidade histórica. O que ocorre, precisamente, coa arte rupestre, exipcia, grega, romana, etc. Que, aparte de dicirnos que as influencias dos artífices eran escasas noutras fontes que non fosen a idiosincrasia propia, nos deixaron constancia de como se afrontaba a arte (plástica) en distintas épocas determinadas. Outra parte magnífica é que os artistas do suposto ano 2009 desta era poden colocar a man en viseira sobre a fronte e mirar tanto atrás canto súa ansia por buscar influencias o requira.
Publicado en Uncategorized | Deixa un comentario »
Outubro 21, 2009 por pastorpaez
Hai tempo que pasou dos corenta e cinco anos, pero “procesa” como un adolescente. É hedonista ate absurdos extremos, conseguiu un posto de traballo con fraco esforzo, aproveitando o clientelismo e as redes de influencias que contextualizan á nosa crebada Gallaecia e que teñen fío directo coa súa familia. Como todo o que ven dado, non se esforza demasiado por mantelo. Porque sabe que ese traballo é substituíble por outro saído da rede de influencias, como se se tratase dunha máquina expendedora de postos de traballo. Do mesmo xeito cás posesións materiais, que non coida porque sabe que pode adquirir outras. E abúrrese, e adquire novas posesións das que descoñece a utilidade, pero que se lle antollan porque llas ve aos outros. E conduce a máis de douscentos por hora por tres razóns principalmente: a primeira porque se se esnafra e sobrevive pode cambiar de coche, a segunda porque conduce en consonancia á sociedade Express e ultra rápida na que vive, e a terceira porque non lle foron inculcados valores tan básicos coma o autocontrol ou a empatía por ter, quizais, proxenitores infervibles.
O infervible non valora nada, e ademais prexudica ao próximo para sacar beneficio el mesmo, porque pensa que o mundo todo está cheo de humanos que prexudican ao próximo para sacar beneficio eles mesmos; vaites, que rouba porque xulga sumarísimamente que todos rouban. Concibe as amizades única e exclusivamente polo propio interese e conxuga marabillosamente os verbos da primeira conxugación fagocitar, vampirizar, aproveitar… descoñece as probas de acceso á felicidade porque confunde profusamente tal palabra con hedonismo; que lle fai ter unha fobia atroz aos compromisos, non é quen de cumprir a palabra e é amante dos trámites burocráticos que lle provean garantía “social”, regalías, privilexios… dereitos en definitiva. Nunca, nunca obrigas, pois estas resérvanas para os “pringaos”. Pensa que un bo traballo é aquel no que non se fai nada, está amansado por ser consumidor ate a náusea de cibersexo tras aborrecer á parella tras vela ano tras ano (cansouse dela como se pode cansar do coche, do teléfono móbil, da cámara de vídeo ou do DVD). Pero o caso é que está amansado e adocenado e atúraa a berros covardes pero tampouco se quere desligar dela porque cre que é unha posesión; algo que lle pertence. Non sabe, en absoluto, mirar dentro de si nin recoñecer os erros.
Un “pringao”
Publicado en Uncategorized | Deixa un comentario »
Outubro 14, 2009 por pastorpaez
Nota preliminar: onde pensa que ve ego vexa quizabes sentido común.
Un poema precioso de Borges titulado O Golem di que se o nome é o arquetipo da cousa, nas letras de “rosa” está a rosa, e todo o río Nilo na palabra “Nilo”. E como arquetipos que quizais son, non deberían ser susceptibles de cambio. Pois si cambiaramos Nilo por Miño, na palabra Miño estaría todo o Miño, pero non todo o Nilo. Ou o propio se facemos o cambio de Rosa por papoula, por exemplo, que toda a papoula estaría na palabra papoula e non na palabra rosa. É que a nomenclatura, o nome, o apelativo, o marbete se queren, non é algo que se preste ás vicisitudes. O que está, está, e deixémolo estar.
Eu non son menos galego por non cambiar meu nome polo de Xurxo. Pois supoño que todo Jorge está contido na palabra Jorge, e pérdome en min mesmo e sufro crise de identidade ao buscar o que estaría contido nas letras de “Xurxo”. Son actitudes que respecto nos outros pero non quero para min, pois me fai sentir que o que lle debemos ao noso galego querido se susana trastocando nosa nomenclatura. Algo así como desatender a un fillo durante vinte anos e logo tentar resarcirse nun día. Falar si, pero o que está deixémolo estar.
Non son de trastocar miña nomenclatura, que por outra banda recoñezo un alegato en favor da liberdade de expresión; de expresión que eu non escollín. Digamos que seguín á hora da afirmación persoal un camiño similar ao que escolleu o pouco coñecido escritor Eliodoro Puche, que decidiu, na honra á súa nai analfabeta que comía a “H” nas perentorias cartas que cambiaba co seu fillo, escribir Eliodoro sen ela. Meus pais, nun tempo de complexos lingüísticos, represión e ignorancia, asentáronme no rexistro civil como Jorge Emilio Bóveda. Sendo ela galego falante e el case, e tan galegos coma o mais galego dos galegos. Unha honra e un respecto cara eles. Chámome Jorge Emilio, Jorge Emilio Bóveda.
Todo Jorge Emilio nas letras de “Jorge Emilio”
Publicado en Uncategorized | Deixa un comentario »
Outubro 8, 2009 por pastorpaez
Sempre sentín que o tempo atmosférico era un condicionante fundamental para o estado de ánimo; que del dependía o pleno equilibrio interno. E podo corroboralo con estas nubes pouco agarimosas, este frío case déspota e esta auga acaparadora que só concita os foros interiores á lectura. Quizais de contos. De contos contados para nós ignorantes da realidade que se suspende neles. Seica os artífices dos contos sabían o que facían cando os escribiron. Seica eran axudas para o transo terrible da nenez ao mundo dos idiotas.
Outubro entra tristeiro asubiando unha cantata ao peor desafinada, como banda sonora a unha realidade que semella de conto infantil; só semella. Unha realidade de barcos e piratas e barcos pirata, de guerreiros innobres de segunda. Guerrilleiros. Cabaleiros andantes que xa só son andantes. Princesas asasinadas, case sempre por príncipes ocres; infelices. Meigas e bruxos de escaso mérito; taumaturgos de CCC. Castelos expugnables, quizais hondureños. Castelos inexpugnables, francamente galegos. Monstros varios, abundantes, ás veces con medo dos monstros, ás veces oufanos por seren equivocados monstros en contos trabucados. Hansel e Gretel sen perigo por estaren ao acubillo no piso de mamá xogando coa inefable Wii. Dos tres porquiños prefiro non falar, pense vostede neles. Casas encantadas… de estar pechadas por dentro. O traxe novo do emperador foi un regalo do seu xastre entre unha manchea de agasallos larpeiros. Brancaneves e os tres ananiños quedaron abraiados por un ERE que guindou ao paro a catro dos ananos. Xa ninguén cre neles.
O irman “bastardo” dos contos é o cómic. Que nos di coa súa retahila visual que os súper heroes non existen e quen sabe se nós tampouco. O capitán América é só Obama e grazas. O home non araña, mata. A muller si é unha Marabilla pero ninguén o sabe. O home invisible vive en África. Os catro fantásticos dedícanse á política e non son tan fantásticos. A patrulla X está en calquera conflicto intestino. A masa somos todos, e de incribles nada. Superman só no maxín de Nietzsche. O home de ferro vive na franxa de Gaza. O lóstrego humano goberna calquera país occidentalizado, fai acto de presencia e desaparece. Así estamos, vivindo unha ficción desvirtuada máis real co que sería desexable. E seguiremos pois humanos somos e no camiño nos atoparemos. De camiño á moralexa.
Un contacontos mediocre
Publicado en Uncategorized | Deixa un comentario »
Setembro 30, 2009 por pastorpaez
A teoría da relatividade de Einstein é unha teoría; esa que, mais ou menos e entre outras cousas, enuncia que o tempo é relativo; que a medida que aumentamos a velocidade o tempo deslígase dela. De tal xeito que se enviasemos un cosmonauta a unha viaxe interestelar a Próxima Centauri á velocidade da luz, ao regresar nós seríamos na Terra quince ou vinte anos mais vellos e por el quizais só pasaran cinco anos de vida.
Realmente non deixa de ser unha andrómena que máis andrómena se volve cando o que a procesa é un suxeito coma min, para o que a física é e será unha auténtica ciencia oculta (non cheguei ao 2 no exame de selectividade). Pero si lle atopo xeito cando a converto nunha sorte de pseudoteoría do relativismo, e nunha présa do demo aproveito ao máximo o rendemento do motor de meu coche para cubrir a distancia entre o punto A e o punto B e comprobo que tardo practicamente o mesmo que cando vou relaxado, escoitando a voz de Borges, Bioy Casares ou tantos outros no aparato de radio. Por que será? Pois porque no océano do absoluto xorden ínsulas do relativo. E podo dicir coma o Einstein que o tempo, sen saber NADA de física, burro e lego como son, éo. ABSOLUTAMENTE convencido estou de RELATIVIDADE tal.
un relativo
Publicado en Uncategorized | Deixa un comentario »
Setembro 23, 2009 por pastorpaez
Sen ser grande seguidor de Sigmund Freud, pois son dos que opinan que súa teoría da psicanálise fundaméntase na súa pro
pia personalidade, quedo coa audacia dos tres sistemas de fama universal que atribuíu á personalidade humana: o elo, o ego e o superego. Grosso modo o “elo” sería a parte primitiva, innata e desordenada da personalidade, que comprende todo o herdado e representa impulsos, desexos e necesidades máis elementais (busca de sexo, necesidade de comida, agresividade…). O “ego” e a parte da personalidade que tenta cumprir de xeito realista os desexos e demandas do “elo” co mundo externo, conciliándose a un tempo coas esixencias do “superego”, que non é máis ca imaxe ideal que o individuo se forma de si mesmo como unha conciencia moral que controla e modera os instintos.
Hai un personaxe novelesco chamado Pastor Páez, que sae na triloxía de novelas de J. E. Bóveda (e NON alter ego deste): Proyecto Allende, Efecto Sufijo e El tercer motivo, que ten moito que ver cos sistemas freudianos e que —penso— reflicte ao humano medio en detrimento do arquetipo ideal de persoa, a que ten o “ego” completamente equilibrado sobre o “elo” e o “superego”. A saber: Pastor Páez herdou de seus devanceiros a tenacidade, a perseveranza. Naceu cos desexos de calquera persoa e ten as necesidades máis elementais (encántanlle as mulleres, é de natural covarde…). Pola banda do “ego” Pastor Páez tenta cumprir realmente os seus devezos máis politicamente correctos, o ético e xusto cara afora, pero non quere unirse a unha muller porque, segundo el, dese xeito nunca saciaría súa sede. E segundo o “Superego” ten unha ansia irrefreable de darse a ver á sociedade como alguén que todo soluciona co don da palabra, persuasión, sentido común, raciocinio e sen un mínimo albisco de violencia. E anula da vida pública todo o que teña que ver coa muller. Quere darse a ver como un cultivado, un ser na antesala do universal coñecemento. Esto, unido á súa profesión de policía nacional, desemboca nunha personalidade inmatura, inestable, fráxil, traxicómica, dúctil e pusilánime.
Cantas veces somos Pastor Páez! Cantas veces evitamos o conflito pola maldita impostura e o verniz do “superego”! Cantas veces calamos por non falar ou falamos por non estar calados! Cantas veces damos a cara cos cuartos traseiros sen limpar! Cantas veces pomos escola sen saber ler! Cantas veces nos facemos o centro de atención! Cantas veces criticamos ao veciño por comer pan duro e duro pan comemos! Superego. Cada un ten o seu, e non hai dous iguais. Superegos. Malditos. Malditos superegos!!!.
Bernizado en superego
Publicado en Uncategorized | Deixa un comentario »
Setembro 18, 2009 por pastorpaez
Qué razón tiña Alejo Carpentier cando dicía que os adxectivos son as engurras do estilo. Pois os adxectivos lastran a narrativa e fan que persoeiros da literatura coma Lovecraft non se terminaran de consagrar (entre outros motivos). O bo escritor, o sintético e curtido, seica adxectiva pouco, facendo máis fluída, líquida, a prosa que decorre polos beizos do que declama para si; do que pon na súa esencia as pasadas voces dos que tiñan algo que dicir. Nunha comunicación literaria nunca atrancada por antiestéticos apelativos.
Con esta premisa cheguei á conclusión de que dona Humanidade Humana é unha escritora tirando a mediocre, porque “encomia” aos seus semellantes con monllos innecesarios de adxectivos. Pois ten unha compulsión irrefreable á adxectivación; a pender etiquetas adxectivas nos suxeitos e substantivos mais variados e insospeitados. Nunha apelación sumarísima case sempre de caracter pexorativo e case nunca reflectindo aspectos positivos. Dona Humanidade nunca dirá que un individuo, chamado por exemplo Vault, é creativo, traballador, asertivo, empático, prudente… pero si dirá que é despistado, hiperactivo e gordo. Nunca dirá dun médico que é abnegado, servil e solidario pero si que foi cometedor dun erro médico. Nunca dirá que Pedriño é amigable, leal e comprensivo, pero si que é inestable emocionalmente…
Dona Humanidade Humana non leva o camiño propio do escritor transcendente. Aquel liberado das Carpenterianas engurras estilísticas. Dona H. Humana é unha escritora mala tirando a penosa, susceptible de mágoa, e por iso adxectiva en exceso, acadando unha nefasta obra literaria que ninguén e todos queren ler. Moito peor que moitos dos escribentes que, a día de hoxe, venden milleiros de millóns de libros. Cando lle preguntaron a Ken Follet por que comezou a escribir dixo que para conseguir diñeiro para arranxar o coche. Cando llo preguntaron a dona H. H. dixo, nun arrebato de sinceridade, que o facía con adxectivos negativos porque non soportaba as virtudes do próximo co que cohabitaba, o recoñecemento sincero das cousas boas, e que sentía un pracer especial adxectivando ampulosa e despectivamente. Alí quedou, adxectivada. ESCRITORA MEDIOCRE.
Un adxectivado
Publicado en Uncategorized | Deixa un comentario »
Setembro 11, 2009 por pastorpaez
De pasada volveu a min Maquiavelo coa súa idea de Razón de Estado. Coñecida e controvertida onde as haxa. Algo que dicta, grosso modo, que un gobernante pode tomar medidas excepcionais para conservar a saúde e a forza dun estado, baixo o suposto de que a pervivencia do estado (grupo) é un valor superior a outros dereitos individuais. Para que nos entendamos: sacrificar a un individuo polo ben dun grupo. Ou uns poucos individuos, polo ben dun grupo maior.
Sendo eu un individualista involuntario, dóeme pensar que polo ben dunha comunidade se poidan sacrificar persoas de valía, cando o grupo puidera estar formado por nugalláns ou neglixentes. Se se me consinte o exemplo, cantas persoas habería en Hiroshima e Nagasaki de superior valía que nos Estados Unidos??? Non influirán en decisións tan drásticas os delirios dos gobernantes? Moitas veces (cantas) con evidentes sinais de enaxenación??? Agora comezo a entender o significado do adxectivo maquiavélico. E non saben canto me custa pensar na pervivencia dun grupo (estado) de inválidos a costa do sacrificio vital dun válido ou uns poucos válidos.
Sufro tamén cando vexo que, inconscientemente, se aplica a Razón de Estado en outros ámbitos que non se corresponden co político como é nun dos meus, a educación. Non é infrecuente que os corpos directivos sacrifiquen a individualidade en favor do grupo, e non é de recibo para o discriminado, nin xusto nin, se queren, democrático, aínda que se pon en práctica sen premeditación e moito menos aleivosía. Agora díganme, por vintecinco pesetas cada resposta, ámbitos diferentes ao político e ao educativo onde se aplique, de xeito consciente ou inconsciente, a razón de estado, que os hai e sábeno…
Barato émulo de Hiperión
Publicado en Uncategorized | Deixa un comentario »
Setembro 4, 2009 por pastorpaez
Penso que é algo do que este irredento escribiu noutra perspectiva, algo que engruña o espírito, que fede, algo que calquera, con profanos coñecementos psicolóxicos coma min pode ver. Trátase da fala en tópico, de meter á humanidade no mesmo caldeiro, de pensar o ladrón que todos son da súa mesma condición. En definitiva, de facer Xuízos mentais estatísticos inconscientes. Cábalas sociolóxicas mal afinadas. Emisión de verdades grupais parcialmente inexactas. Erixirnos observadores da realidade fóra da realidade.
Aínda que o parágrafo previo se lles presente certamente estraño estou convencido que cando vaia aos exemplos se han sentir perfectamente identificados, tanto no grupo dos xulgados como do grupo dos emisores de xuízos: A xente é a leche. A xente é mais mala… a xente é unha egoísta… a xente é así, a xente é andando. Xeralmente son xuízos sumarísimos pexorativos, o que demostra que os xuíces, ao así falaren, descoñecen que están incluídos no grupo. Atención porque parece algo nimio, pero a súa importancia radica no fácil que sería matizar un chisco ao falarmos.
Resultaría tan dificultoso dicir: algunhas persoas son a leche. Algunhas persoas son malas. Algunhas persoas son egoístas. Algunhas persoas son así… algunhas persoas son andando… no canto da outra forma antes descrita?? penso que non. Que incluso nos dignificaría como persoas este cambio, porque non hai nada máis preciso co refraneiro cando di Al pan pan y al vino vino. Como pensan que se poden sentir as persoas que non pertencen ao grupo demonizado cando escoitan un xuízo sumarísimo tan collido polos pelos???? Pensémolo.
Un individuo
Publicado en Uncategorized | Deixa un comentario »
Setembro 4, 2009 por pastorpaez
Danme medo certas cousas. As compañías telefónicas e de internet, por exemplo, neste mundo superficial e competitivo. Ás veces reflexiono se non serei eu un chisco reaccionario, pero chego a reafirmarme en que este mundo é superficial e competitivo. Da noxo. O advenimento das tecnoloxías audiovisuais ultra portátiles e da internet nos amosan como os humanos, na súa loita pola subsistencia, andan agudos para coller, pero non para deixar, nunha loita sen cuartel que mete medo, que nos arreda aos alleos. Tenten cambiarse dunha compañía de internet a outra, por exemplo. Se eu só quero facer uso dun mundo ilimitado de información como é o internet, por que diaño me teño que ver nunha refrega de intereses?: número de cancelación, alta, cota de liña, ADSL 1 mega, 3 megas, 10 megas, non se vaia, nosa compañía déixallo máis barato, entón por qué non comezou así?… Pero queren deixarme en paz co meu ordenador, miña conexión modesta e meu procesador de textos???
Envía gratis PROMO al 23242. Consigue el clásico PACMAN con un sólo mensaje XXXXX INFORMA: para informarte sobre como gestionar la baja definitiva de tu servicio Xxxxx, es necesario que nos llames al xxxxxxxxx de 10 a 22. E trataremos de convencerte por todos os medios de que o que nos che damos é mellor e que nunca, na túa vida, atoparás un servicio cibernético semellante.
Estamos nas súas mans, somos coma prometeos en forma de datos filtrados a saber como e eles manéxanos e téntannos dar xeito de arxila, coma un Golem consumidor que vive por e para consumir. O demais non importa moito, tan só ter e non reter. Mentindo, chegando a extremos absurdos da dignidade humana con tal de facerte ver que necesitas ter, sexa o que sexa, pero ter. Modelando a vacuidade. Entendo que todo o mundo é digno de gañar para comer, pero vexo uns tempos onde a ética está a chegar ao chan. Son o único que o ve?
Un consumidor
Publicado en Uncategorized | Deixa un comentario »