Arquivo de Agosto, 2008

“LITERATÚA”

Agosto 27, 2008

Farto de ler estes días sobre o que a literatura é e non é; sobre tramas, estruturas, estilos. Non puiden menos de botar os ollos cara dentro para revisar os andeis interiores e “ver” que literatura é ser, non estar, permanecer, non figurar, envorcar teu mundo para ninguén, non adaptar unha parte de teu mundo aos posibles alguén.

Literatura é esencia humana sublimada, non trama. Ser humano reflectido no atramentum; no escrito, no que ha ficar, non estrutura. Permanencia inmanente, non estilo. Pois literatura é o mundo, pero el non o sabe.

Literatura non é presentación, nó e desenlace, senón presentación, esencia, prestancia, consagración e eternidade, cuxa esnaquizada copia é o tempo. É estar de xeito perpetuo no penúltimo chanzo dunha escalinata que non leva a ningures, porque nunha hai, haberá, unha fartura, unha satisfacción ou plenitude, unha chegada gloriosa a un parnaso.

Literatura é unha perseveranza, a crítica da ninfa Eco, unha lealdade, un vivir sen vivir, pero vivindo. Unha submisión, dúas, todas as submisións aceptables (as outras non son nada; menos literatura). Unha malleira vital, un puñazo constante que nunca persuade de nada, un eco baldío. Éo todo, pero non é nada. Literatura é o mundo pero el, pobre, aínda non o sabe.

Aspirante a literato

DIGLOSIA MIÑA

Agosto 25, 2008

ATENCIÓN: ESTE TEXTO PODE FERIR A SÚA SENSIBILIDADE

A diglosia (do grego d????ss??, “de dúas linguas”) é a situación de convivencia de dous idiomas no seo dunha mesma poboación ou territorio, onde un dos idiomas ten un estatus de prestixio -como lingua de cultura, prestixio ou uso oficial- fronte ao outro, que é relegado ás situacións socialmente inferiores da oralidade, a vida familiar e o folclore.

Quitando definicións académicas, formalismos e purismos, quixera facerlles partícipes da miña querenza pola controvertida verba esta da diglosia:

Nun dos momentos no que decidín consagrar miña vida á escrita determinei que a palabra que titula esta perspectiva, tan deostada, pobriña, viría moi ben na miña afirmación como escribidor*. Diglosia.

Escribo indistintamente nas dúas linguas da comunidade autónoma, pois o ditado da idea determina o idioma a escoller, e no momento da produción creativa a lingua empregada ten preeminencia sobre a non empregada. A lingua da obra literaria terá prestixio sobre a outra porque non deixará de roldarme a cabeza até que apareza outra produción na outra das linguas. Rexeito os -ismos, pero preocúpome moito pola supervivencia da lingua galega (que me define algo máis cá outra) tras meu paso pola vida. Os demais que tenten facer o propio. A preocupación individual fará un resultado colectivo e o galego non morrerá por moi diglósicos que sexamos, como agoiran algúns.

Voces ao foro desta páxina

Jorge Emilio Bóveda

*Serei escribidor até que me consagre, e isto non sucederá nunca, pois me acho perpetuamente no penúltimo chanzo dunha escalinata que non conduce a ningures.