Arquivo de Outubro, 2008

NEODUCACIÓN

Outubro 31, 2008

Os vellos mitos educativos conspiran cos que tentamos realizar unha praxe docente o máis moderna posible. Conveño cos que din que, grazas aos xesuítas no pasado, logrouse reunir nun espazo cerrado a un numeroso grupo de alumnos de varias clases sociais para impartirlles “educación”. Converténdose a disciplina militar, a violencia física e a unidireccionalidade profesor-alumno en catro máximas a seguir coma dogmas relixiosos. Pois, ao fin e ao cabo, demasiados anos escola e igrexa se relacionaron ao controlar esta a aquela.

A educación actual debería asumir que os tempos aqueles xa quedaron onde tiñan que quedar, e a disciplina férrea debería mutar en disciplina dialogante e democrática, cunha interacción cos alumnos de dúas direccións, procurando respectar os turnos de palabra e a respectarse os uns aos outros. A educación ten que ser un ente que evolúa cos tempos, e debería coller do pasado unicamente espazos físicos, pois educación é inculcación de hábitos, incluido o de pensar; o hábito dos hábitos, que se acada dialogando, aportando emisións e recibindo recepcións. Tan doado coma iso. Agardar, escoitar, reflexionar. Espontaneidade, creatividade, enerxía. A outra, a educación silente e marcial de antano, debería quedar para as películas. Que si.

NON ROUBEMOS AO LADRÓN

Outubro 24, 2008

Á hora de xulgar as actuacións dos demáis, decateime de que a obxectividade se perde e se desvirtúa coas circunstancias persoais de cada quen. Se a A lle parece mal o xeito de traballar de B e llo expresa sen considerar o esforzo que fai B, quizais A teña unha vida sexual desastrosa, ou a súa parella quizais non era o que agardaba e sempre calou, ou quizais os fillos decepcionárono, ou quizais a hipoteca o afogue, ou quizais os pais vaian vellos e se ten que facer cargo deles… O caso é tentar desafogar calquera halo de negatividade dalgún xeito; buscar o famoso, e digno de lástima, chivo expiatorio.

Tamén hai casos nos que o que xulga medrou cuns proxenitores que lle ferraron a lume uns dogmas que sabe que ten que cumplir, aínda que non o faga sempre e aínda que se permita xulgar ao próximo polos mesmos “males”. Conduta humana abraiante, pois vemos dende a tristura que existen persoas que tentan imprimirnos orde coa trastenda desordenada, que nos din onde temos que mercar aínda que eles vaian ao barato, que nos din como temos que criar aos fillos aínda que os seus amosen comportamentos propios dos raposos, que nos din como temos que traballar cando seu xeito de facelo ande algo coxo e, en definitiva, que dan a cara co cú sen limpar. Non debería ser. Ordenemos a trastenda antes de falar ou do contrario estaremos roubando aos ladróns. Que pensan?

Un que tenta imprimir orde na trastenda

DÚAS ARMAS PARA A EVOLUCIÓN

Outubro 17, 2008

Pese a que o direte común defende que as persoas non cambiamos nunca en ningún aspecto, existen varios émbolos de impulso de cambio que botan por terra a aseveración esta. Podémonos quedar con dous deses propulsores: a autocrítica e a forza de vontade. A autocrítica, ese ben prezado que tanto escasea e que nos obriga a analizarnos interiormente, e a forza de vontade, a máis forte das forzas, a que nos da pulo para ir facendo eses cambios necesarios; esa subida de chanzos na vital escalinata.

A pesar do doado que semelle, as persoas que descobren o poder do cambio de da evolución son poucas; son minoría minoritaria mínima, pois un cambio de maiorías implicaría unha evolución social completa, e a única evolución social que apercibimos ten que ver coas garantías sociais e o beneestar particular. Por iso se recoñecen aos nosos veciños (e a nós mesmos) en obras literarias do século dezaséis, dezasete, dezaoito, porque non temos moita propensión, os humanos, a facer uso destas eficaces armas para o cambio. Téñenas?

Un armado

VENDIMA NA ALDEA 2.0

Outubro 10, 2008

Unha das lembranzas máis vehementes na vida da aldea (Piñeiro, Maside, Ourense) cando era neno, era a vendima. A Vendima na aldea. O corporativismo de supervivencia que existía entre os veciños á hora de vendimar as viñas; as gabias, cortando a coitelo acios e apañando os bagos do chan. Os acios ían aos baldes, os baldes aos sacos, os sacos á adega; baleirábanse nunha sorte de lagar de madeira. Logo o Maximino, un home do pobo, cos pés nus (ultimamente con botas de goma) pisaba nas uvas facéndonos música e inzándonos o sutil recendo do mosto. Logo viño e bagazo ían a uns pipotes de moitas olas que meu avó materno mercara décadas atrás, e só quedaba agardar que fervera, tirar o bagazo, prensalo ás veces, botar o viño das espremas, e todos os pasos previos e embotellar.

O tempo —nas vendimas familiares— foi eliminando personaxes da aldea, foi avellentando a outros, foi deixando as viñas quedas até reducilas a un simbólico grupiño de videiras para poder seguir dicindo que se vendima. Case nada. A tecnoloxía entrou algo neste mester con máquinas de sulfatar a motor, esnaquizadoras eléctricas, cubas metálicas, etcétera.

Estes últimos anos veño axudando na vendima noutro lugar e foi, neste último ano, cando lembrei todo o anterior que lles acabo de referir, o cal, pese a que semelle a testemuña dun romántico, nunca me gustou facer. O que máis me gustou sempre de todas a prácticas do pasado foi lembrar, porque a lembranza é aquilo que nos levaremos sempre das cousas (o único). Lembrar a vendima de aldea que esvaece, esvaece, esvaece ata desaparecer, é algo que me fai sentir un pouco ben.

Pero non nos preocupemos, non afoguemos na teima porque de seguro que a unha ducia de anos vista algún empresario espelido inventará un novo xogo de rol, neste afán do novo milenio por “ludificalo” todo, chamado quizais VENDIMA NA ALDEA 2.0, como a día de hoxe se fixo en Verín coa revolta dos irmandiños e seu inefable xogo de rol. Por que será que me invade o desacougo?

Inimigo da desmemoria

A VIDA NOVA DOS LECTORES DA ÚLTIMA NOVELA DE CANEIRO

Outubro 2, 2008

Que humano é perseguir os soños, buscar permanentemente a felicidade e tentar, sen éxito, fuxir do desacougo. Son as constantes dos personaxes entrañables (e reais) deste libro de Xosé Carlos Caneiro cos que o lector convivirá para sempre unha vez concluída a lectura. Unha lectura que se repetirá, cal eterno retorno, ao longo das nosas vidas: Hermelinda, Prudencio, Tranquilina, Aurorita, Lolito, Delmiro, Arístides, as putas estudiantes de medicina, Román Catarino e súa dona con alzheimer, o fillo homosexual de Hermelinda mailo seu mozo, Erundina, Marquitos, a psiquiatra, Tristán Luces, Libardino Romero saído dos mundos de marabilla de Ébora… todos, teñen moitísimo que aportarnos a través de reflexións de literatura en literatura, que converxen nunha grande mente grupal ou conciencia colectiva; fiel descritora do mundo éste que nos aperta e nos afoga. O libro compéndiao todo, nunha loita común por perseguir á felicidade nun taxi vello, avariado, lento e caro, con taxista pouco destro e pouco afeito aos camiños: siga a esa felicidade, por favor!.

É literatura compendiada en setecentas páxinas como filloas de mel, que nos obrigarán a volver a elas outra vez, sempre outra vez. Empalagarnos, degustar, paladar, volver ao Gatopardo, o micromundo necesario que nos advirte das cláusulas desta vida condicionadora e interesada. Porque atención, lector, ao Gatopardo, porque o Gatopardo é o mundo, e o mundo é literatura. A Vida Nova de Madame Bovary é esencia humana sublimada, non trama. Ser humano reflectido no atramentum; no escrito, no Gatopardo, no que ha ficar. Non estrutura. Permanencia inmanente, alen estilo. O Gatopardo é literatura, e literatura é o mundo, pero o mundo non o sabe, lector. O mundo pode estar nas súas mans con A Vida Nova de Madame Bovary.

A nova vida de Hermelinda Bovary non é presentación, nó e desenlace, senón presentación, esencia, prestancia, consagración e eternidade, cuxa esnaquizada copia é o tempo. É estar de xeito perpetuo no penúltimo chanzo dunha escalinata que non leva a ningures, porque nunca hai, haberá, unha fartura, unha satisfacción ou plenitude, unha chegada gloriosa a un parnaso. Pero ela sabe como reflectir este desacougo noso; estigma e baluarte da humanidade.

A Nova Vida… é literatura. E literatura é unha perseveranza, a crítica da ninfa Eco, unha lealdade, un vivir sen vivir, pero vivindo. Unha submisión, dúas, todas as submisións aceptables (as outras non son nada; menos literatura). Unha malleira vital, un puñazo constante que nunca persuade de nada, un eco baldío. Éo todo, pero non é nada. A Vida nova de Madame Bovary é o mundo pero el, pobre, aínda non o sabe.

Quedemos logo coa nova vida, a nova vida que viviremos os lectores desta novela.

Jorge Emilio Bóveda