Arquivo de Novembro, 2008

GRIS

Novembro 29, 2008

Deprímeme este tempo. Dáme sono, cansazo, sinto frío e desacougo. Os días bótanse riba de nós, sen coidado, comendo o tempo con ansia, larpeiros. As rúas son grises de máis, sostendo impasibles os pasos de transeúntes apresurados que tentan evolucionar nos seus designios, sempre importantes pero nunca abondo importantes. Non evolucionan, nunca evolucionan, só se moven cun frenesí que realmente non cómpre.

Aínda por riba o desacougo medra ao albiscar a sombra ominosa do Nadal, esa tempada que merece a pena polo período de asueto e por manter a ilusión dos nosos nenos e nenas, habitantes dun mundo onde cómpren todos os Nadais posibles. O malo é que non se me van do pensamento os excesos, o consumo, o hedonismo e, en definitiva, a irrevogable propensión que temos os humanos a festexalo todo. Non hai que estudar socioloxía para saber que unha parte enorme dos seres que festexan suntuosamente o Nadal faino co pretexto da festa, de xuntar a familiares e encher o corpo de calorías. Nin recollemento, nin coñecemento das orixes da festa, nin ren. O ascetismo non casa con este mundo idiota.

Chega a tristura con antelación, e non pensen que é doado fuxir do clixé do Nadal. Estamos todos determinados. E nesta espera polo gordo Noel vermello coca cola, o Xesusiño, e os reis cada vez menos magos, a choiva quizabes sexa o mellor neste absceso de melancolía, porque invita ao recollemento, e este á reflexión, á lectura, á meditación… a GOZAR DO SILENCIO. Non pensei que ía escribir estas tres palabras, pero constitúen, créanme, un oasis nun deserto cíclico, un bálsamo deste tempo que retorna unha e outra vez, e que non queremos pero se nos pon diante como unha visita non desexada que tarda máis da conta en marchar. Que si.

O cabaleiro gris

O CARPINTEIRO MANCO

Novembro 22, 2008

Non comprendo aos escribidores e escritores que din que len escasos libros pero que escriben moito. De que escribirán? De historias cos mesmos xiros e respondendo a clixés simétricos? De principales e antagónicos? Deles mesmos? De seus embigos sen cultivar? Dos xiros a un egocentrismo non intelectual? Dos botóns do pescozo das súas camisas? Do flagrante quebro a unha existencia superficial? Como se poden afirmar escritores sen encadear lecturas, sen aprender a ler cada día, sen ser, en definitiva, bos lectores, ou simplemente lectores????.

Véñenseme á cabeza os dramáticos intentos dun carpinteiro cun só brazo para facer unha mesa. Algo similar ocorre, quizáis, cos escritores que non len. Coa diferencia de que non descubrirán nunca que tan só teñen un brazo, e que está na man dese brazo o implantarse outro brazo para axudarse na labor creadora. Unha operación sinxela de ortopedia, consistente en facer propias tres letriñas; unha combinación transcendental de tres letras: LER. Un proceso lento que lles implataría o brazo que lles falta.

Aínda que tamén poida ser que eses escribidores ou escritores estean dotados dun don do que carecemos os que lemos moito e escribimos algo menos. Posuidores dun único superbrazo. Serán eles os que fan literatura e nós seremos alucinados aspirantes a literato. A NADA no mundo editorial. Trillados ceros á esquerda do universo das letras. Pois quen sabe?

PD: Dous exemplos: Michael Chrichton foi un carpinteiro manco e Jorge Luis Borges un ebanista destro.

Un carpinteiro tenaz

ODISEO 2008 ?

Novembro 16, 2008

Unha revista amarela, desas que atentan sen escrúpulos contra o pensamento racional, desas que propenden a ideíñas sen peso das que comen Iker Jiménez e análogos buscavidas, escribíu que Ulises (personaxe plaxiado aos gregos por parte dos romanos, cando en realidade se chamaba Odiseo) regresou a Itaca tras participar na guerra de Troya o 16 de abril do ano 1170 antes de Cristo… Supoñendo que o nacemento de Cristo sexa unha referencia exacta para o noso cómputo de anos. Que non o é.

É que somos tan deixados e tan confiados os humanos que non caemos en que o máis probable sexa que Cristo non nacera nas datas que nos teñen “revelado”. E que, polo tanto, non esteamos no ano 2008. Pois os evanxelios foron escritos uns setenta e cinco anos trala morte de Xesús, polo que non se extrañen de que esteamos no ano 2083, 3500, 4000, 5000, PI, ou que mais ten. Se o caso é ter unha referencia debemos de advertir que non é máis ca iso. Unha referencia resultado de atribuír calidades numéricas a todo o que nos topamos diante dos ollos neste efémero paseo pola vida. Un engano común; unha ilusión.

O que é impepinable é o paso do tempiño, pois a ciencia ben explicita (libro de Coñecemento do Medio de terceiro de primaria en riste) que unha volta da terra sobre si mesma corresponde a un día, e unha volta da terra arredor do sol corresponde a un ano. Do que se desprende que o único positivista que nos podemos botar ás costas é a nosa idade. Este que suscribe ten enriba das súas carnes trinta e tres xiros de traslación terrestre. O demáis nunca será confirmado. Nin nas máis grosas revistas.

Un contador de xiros

DETECTOR DE IMPORTANCIA

Novembro 8, 2008

Ti dixeches que el dixera que dicía o que non debía dicir. Dicía ela concedendo crucial importancia a badocadas tan insignificantes. Non che falo porque non lle falaches cando tiñamos que ter falado. Dicía el, argumentando tal trapallada para xustificar seu incomodo. Pois tamizamos nosas accións cuns raseiros tan baixos coma o chan, dándolle importancia a cousas que non a teñen. Busquemos como e onde busquemos, non a teñen. Non importan, certas cousas non.

A vida importa, o arrequecemento interno intelectual importa, a deostada e utópica amizade tamén, o sacrificio tamén, a realización a lume lento en ámbito calquera tamén. O que ti teñas non importa, o que ti sexas, en parte. Se eres boa persoa si, se eres feo non. Como esteas, non importa demasiado. As palabras ocas, nada. As xenreiras, tururú. Os xuízos baratos, patatín. Os prexuízos outro tanto…

Todos deberíamos levar instalado o crucial detector da importancia. Pois de non cribar a información das nosas sociais relacións farémonos parvos. Parvos uns por non cribar e parvos outros por conceder importancia á información non cribada, nunha parvada global. Distinción, por favor. Cómpre. Que é o importante? Pois pese á obvia aparencia da frase: O importante só é o importante.