Arquivo de Decembro, 2008

TEORÍA DA PODA

Decembro 28, 2008

Ao amor duns vasos de viño un dos meus conselleiros intelectuais, o pensador local Bruno Hernández, fíxome coñecedor dunha sorte de teoría vital que se lle ocorreu mentres podaba súas plantas nunha desas tardes de asueto e reflexión: A teoría da poda.

E é que somos poda, pois nosos camiños vitais individuais (ou grupais) son o resultado de cortar unhas pólas en favor do crecemento de outras. Sendo así as pólas decotadas as vocacións non desenvolvidas, as relacións non vividas, interrumpidas, as rupturas, as represións, os amores rematados, as cousas que nunca se fixeron, ou puntos de inflexión que sempre suporán un aumento de enerxía en favor doutra das pólas que se inzará cara o ceo, cara o final do crecemento da árbore.

O destino, o señor Destino, é o xardiñeiro que vai serrando as pólas ao azar, nunha sorte de ritual que en ocasións nos ha levar polos máis insospeitados vieiros, que en outras teráo máis doado, pois en ocasións nosa poda ven determinada polos nosos ascendentes (herdanza xenética e ambiente) e que na meirande parte dos casos constitúe unha sorpresa para o mundo, cando en realidade, nós podemos facer moito ao respecto. Porque non consiste en botarse a durmiñar mentres o señor Destino anda argallando unha poda para nós, especulando que póla cortar ou non. Debemos participar e deixarlle ao señor Destino un plano de poda ben feito, para consagrarnos, par cumplir nosas metas, para que non haxa sorpresas. A vida é unha poda pero supervisada por nós. Ou non? Que pensan vostedes?

P.D.: Gracias Bruno (nunca escribo “grazas”).

Jorge Emilio Bóveda

PALABRAS

Decembro 28, 2008
  • Faltan palabras onde sobran sentimentos (Baltasar Gracián).
  • A palabra impresa embalsama a verdade para a posteridade (Alejo Carpentier).
  • A literatura seguerá a ter a última palabra (Günter Grass).
  • A palabra é a casa do ser (Heidegger).
  • Os límites da miña linguaxe son os límites do meu mundo (Wittgenstein).
  • Non é que se pense con palabras… senón que se pensan palabras (Unamuno).
  • A palabra pode ás veces suscitar un verdadeiro fluir de tebras, como pode, pola contra, prender unha luz que xamáis se ha extinguir (Maurice Zundel).
  • O home vive coma un verme pero escribe coma os deuses (Imre Kertész).
  • A liberdade de pluma é o único paladín dos dereitos do pobo (Kant).

SATANISMO

Decembro 13, 2008

Lembro unha entrevista de radio que lle foi feita a un experto en demonoloxía, cuxo nome esquecín. Este home falaba pesimistamente que o cataclismo de Satanás andaba preto porque a nosa sociedade era, abertamente, satánica. Que Satán ten fío directo co hedonismo a calquera prezo, co pasalo o mellor posible, con levarse polos camiños doados e mandar o esforzo a paseo. E exemplificaba o home cos becarios de antano, que traballaban duro, entusiastas, éticos e responsables, cando os becarios de hoxe preguntan canto van cobrar, andan a fuxir do traballo, non se comprometen con nada, non se responsabilizan de nada, e son capaces de nor ir traballar alegando que teñen un uñeiro nun pé que lles causa moita dor.

Ben, penso nesta sociedade, cumio da liberdade de expresión, e descrendo do maniqueísmo satánico, que esa concesión pola facilidade ven en parte marcada polo advenemento da tecnoloxía dixital da internet, onde podemos acceder a todo inmediatamente (polo xeral ocio). Da chegada dos novos contidos para a televisión, formatos onde o éxito chega nun tris sen facer esforzos, e do acomodamento dunha grande cantidade de persoas a estas situacións. Se as situacións duran máis dunha década teñan por seguro que se arraigan coma samesugas, producindo as actitudes que vemos ao noso redor.

Para máis preocupación, algún tertuliano deses outros programas de televisión inefables, defende esta nova ética do “canto máis e máis rápido mellor”, tildando aos que nos decantamos polo esforzo paciente, de reaccionarios dun pasado que no pasado ha de quedar.
Ese si que é o verdadeiro satanismo, a conivencia co fraco esforzo. Que medo!!!!!! Hai algún exorcista na sala?????

Cociñeiro a lume lento

UNHA LÁMPADA

Decembro 5, 2008

Penso que as lámpadas, as clásicas bombillas que alumean nosas estancias só se poden restituír, cando afunden, virándoas até extraelas do casquete. Pero seica non, seica hai outro xeito de o facer…

Non podo crer, por moito que tente asimilar, “paridas” como a paridade gobernamental. Atención, agarden antes de botar súas gadoupas afiadas riba de min, a paridade non é intrinsecamente unha “parida” senón o xeito idiota de interpretala por parte de algúns. Pois de existir persoal cualificado para unha labor, que demo importa se é muller ou home? No meu gremio (mestres) súper abundan as mulleres, e os homes non nos queixamos. Cada quen ha de preocuparse por facer seu traballo do mellor xeito posible.

O último que se escoita é que as directoras de cinema son menos en número cós homes. Non será que as mulleres abundan menos nas disciplinas cinematográficas? Semella que, en ocasións, o progresismo adquire matices ridículos, como no caso destas políticas de igualdade numérica de sexos.

O que si son flagrantes son as desigualdades salariais, laborais e de índoles similares, pero o feito de colocar en calquera ámbito ao mesmo número de homes coma de mulleres sen deterse a mirar cualificacións é tan parvo como darlle voltas a unha casa para cambiar unha bombilla. Cambiemos a lámpada desenroscándoa directamente. É dicir, xente cualificada e válida independentemente do seu sexo. Que lles parece?

Un pensante