Arquivo de Febreiro, 2009

SERES EN BRANCO

Febreiro 27, 2009

Seguro que unha das constantes no pensamento de calquera pensador ou pensante é o feito de admitir que todo o coñecemento universal está impreso nos libros, e estes colocados nas bibliotecas nacionais de todos os países do planeta, ou nos andeis das bibliotecas de fogar de humanos escollidos, ou ornando bonitos mobles nas salas de estar de xente ben, ou en bits, megabits e xigabits de información dixital en xeito de libros electrónicos na rede de redes. Tan só está na nosa vontade o acceder a ese coñecemento, a esa cultura, para deixar de ser os seres en branco que somos.

Hainos e hainas que se queixan de que canto máis abandonan o branco en favor de outras tonalidades intelectuais máis se achegan ás fragas da ansiedade, aos vieiros do desánimo, pois comezan a recoñecer o pouco que en realidade sabemos a xeito individual. Pero este que subscribe defende que é mellor saber unha micra de cousa calquera que non ser un ser en branco; deses que nos arrodean impíos, nos increpan, discuten con nós e ás veces ocupan postos de poder.

Non simpatizo, non, cos seres en branco. A non ser que, conscientes da súa brancura, se limiten a gardar silencio e a vivir súa particular felicidade. A eses, até os aprecio, pero, estimados internautas, son minoría dentro da especie dos seres en branco. A estes “felices” respectémolos, dos outros, dos seres en branco arrogantes, fuxamos. Porque, aínda que a humanidade non deixe de ser o fato de libros que non se len, parte desa humanidade temos criterio abondo para ir transformándonos en seres en gris. Seres grises.

Un ser gris

A BILE E O DOGMA

Febreiro 21, 2009

Aloisio vivía infeliz, sen transixir certos comportamentos nos demáis. Facía dogmas para ser respectados por el (teoricamente), e para pretender que a humanidade tamén os respectara. Cando non era así, Aloisio rosmaba, porque Aloisio quería un deus para el e outro deus para os demáis. Entón frustrábase. Aloisio quedaba só, coa súa muller resignada e oca, e seus fillos pacientes.

Aloisio agardaba nos seus coetáneos uns comportamentos éticos do máis ético, cando súa ética respondía unicamente ao resultado da súa propia comodidade. Así e todo Aloisio incomodábase e ía illándose aos poucos, conciso, ao ritmo da súa propia terquedade. Idealizaba a realidade movéndose como lle dictaba o tándem que formaba seu dogma coa súa preguiza. Nada respondía ás súas expectativas. Convertíase, pois, nun lobo da xente.

Aloisio non se deprocataba de que había outros Aloisios que tiñan seus propios dogmas e que non comungaban coas rodas de seu carro varado. Non era quen de inferir que, se tiveramos un máxico ollo orweliano que furase as paredes das vivendas unifamiliares, atoparíamos máis terribles núcleos dogmáticos do que sería aconsellable coñecer.

Non pretendamos que os dogmáticos como Aloisio abran súa mente porque seguro que o dogmatismo responde a un intrincado de herdanza, ambiente e fisioloxía difícil de explicar (e cambiar), pero só pedimos que Aloisio non traspase o círculo vital dos non dogmáticos, que nos deixe vivir a gusto e en paz; que os non dogmáticos e non contradogmáticos estamos concibidos para que nos deixen tranquilos os Aloisios. Pois iso.

Un NON DOGMÁTICO

SERES DE PEDRA

Febreiro 13, 2009

Esta tempada na que se cumpliron douscentos anos do nacemento do apoucado Poe (19 de xaneiro) borrachiño, adícto ao opio e influencia de tantos e tantos e tantos escritores (aínda que algún o negue), penso en algo que nos da pulo para vivir, aínda que se sexa desacougados, algo que nos converte en seres de pedra que camiñan pola existencia tan só desexando, ás veces por desexar. Ven sendo pois esta perspectiva irmá doutra desta sección titulada DESIDERATUM AQUEL.

É que somos seres de pedra, estólidos e decorrendo co estoicismo do frenesí da vida parva, envoltos na rede social de ladróns maquillados que manexan teu devir pois cren que todos tamizamos nosa felicidade coa nosa economía: tés, vales, naftalina traxe, Brummel, Channel número vinte… mediocridade.

Seguimos a ser os seres de pedra, feitos coas pedras dos camiños que non somos quen de transitar. Sempre coa ansia de andar camiños duros, impracticables. O superficial feo devece por ser guapo, o groso superficial quere ser delgado, o baixo alto, quen pouco ten moito quere ter, quen moito posúe está forrado, pero nada é; quen moito posúe quere amizade a base de cheque, ou chegar a cousas que non lle pertencen, comer mais mundo polas dúas pernas e todo lle é pouco.

En definitiva, que os seres de pedra queren camiñar veredas alleas e outros seres de pedra camiñar queren alleos vieiros. Sempre máis, sempre distinto… porque os seres humanos non somos máis cós CAMIÑOS QUE NON CONSEGUIMOS TRANSITAR.

Disconforme conformado

AGORA… NA ÁGORA

Febreiro 9, 2009

Así como as íes merecen levar os puntos encol para diferenciarse de meros paus, innecesarios nestes tempos, os humanos precisamos respirar. Sen abafos, libres, salaios de menta e relaxo, esquencendo burras barbaridades do pasado. Quizais non gusten nosas liberdades e licenzas, quizais non gusten os críticos xuízos que se fan. Que de malo ten sermos cidadans do mundo con acento galego? É tempo de convivencia e conivencia, progreso e heteroxeneidade. Pois precisamos o osíxeno de sermos nós e non outros, defender o propio e desenvolver teorías que corroboren defensas tales.

O pasado pasou e pasa e tempo é de ser nós, definidos, espidos, e non seres inertes sen criterio presas de feroces vendedores de gamusinos. Autodeterminación dentro de nós. Ser nós como intelectualidades quizais eclécticas, quizais críticas, librepensadoras, espertas, lúcidas, medianamente intelixentes e alleas sempre, sempre, sempre, sempre, sempre, sempre ao dogma. Independientes do endogrupo. De calquera endogrupo. Situarnos no centro da ágora da nosas relacións sociais, tomarmos a palabra e definirnos. Necesidade. Botella de osíxeno.

Un que tomou a palabra

AGARDAR SEN AGARDAR

Febreiro 4, 2009

Agarden polo fin da vida; do sopro, pero esquencendo que están a agardar por iso. Non agarden louvanzas, estipendios, retribucións, remuneracións, prebendas, favores, regalías, querencias, amores, recoñecementos, éxitos, premios, louvanzas… Agarden apertando o padal para zugar o zume da vida na sala de espera do ser. Sexan, non agarden ser, non agarden recompensas, herdanzas, apertas, beixos, intencións declaradas, emolumentos, amores, encontros fugaces, cariños, comprensións, empatía, amizade, o sublime, palmadas nas costas, ganancias, sonoros bicos, esmolas, sorrisos, compaixón…

Decorran pola travesía fluvial, a vida, nesta nosa dorna sen agardar ren, quizabes algúns destes peixes nunca agardados salten á cuberta da nosa embarcación para nosa sorpresa ou estupor, ou sorpresa e estupor.

Agarden navegando o sino do tempo, non agarden nada máis.

Paciente agardador que non agarda