Arquivo de Marzo, 2009

SEXO *

Marzo 22, 2009

* Sinto recorrer a unha estratexia de tal calado para reclamar a vosa atención, pero a importancia desta perspectiva ben merece mañas coma esta.

Moitos artistas máis ou menos intelectuais, chamémoslles escritores, atraloucan súas mentes con fantasías sobre a trascendencia futura das súas persoas e das súas obras; sobre deixar unha impronta ou pegada (ou impronta pegada) que sexa minuciosamente examinada e considerada, coma se dun evanxelio se tratara, por hexéxetas diversos e variados que fagan chegar a obra e milagres a todos os recunchos deste planeta mandarina.

Lamentablemente, queridos escritores que ansiades trascender, opino que a vulgaridade do cinema -pois o cinema vulgariza á cultura- e a mediocridade dos medios audiovisuais cos seus fogonazos de cor e diversión, fará que trascendades, si, pero en círculos pechados, en cenáculos, en redutos de soñadores que viran. Non agardedes unha trascendencia popular.

Pois esa trascendencia, a popular, está reservada para superman, o home araña ou o conde Drácula e o monstro de Frankenstein, desvirtuados, pobriños, até o paroxismo. Se tedes sorte, quizais a trascendencia estea reservada para algunha das personaxes das vosas novelas, sempre que sexa quen de facer amosar empatía coa humanidade media: Tarzán si, pero quen contra é Edgar Rice Burroughs? Pois o penitente que pasou milleiros de horas escribindo as andainas do home mono e agardando un anaco de TRASCENDENCIA. E pouco máis.

Santiaguiño do Curral
Un intrascendente

É PRECISO UN G.H.

Marzo 7, 2009

Nota preliminar: absterse desta perspectiva os teleadíctos do “Gran Hermano”

Cambio na gobernación do barco da Gallaecia. A cohabitación bipartidista non convenceu. Desfacer o feito. Corroborar que os gobernantes de agora non son os oradores de antes. Cousa que me fai reafirmar a miña idea dunha condición sinequa non para gobernar: calquera ser humano que ocupe un posto de poder ha de ter unha formación en humanidades, aínda que o binomio de palabras GOBERNADOR HUMANISTA soe máis a oxímoro que a outra cousa. Falo do ideal, do que debera ser, de achegarse ao humano e ao social e non ao capital e aos cartos, de falar ben, con propiedade, empregando o vocabulario preciso en cada momento de dirixirse aos gobernados.

É que non é de recibo que un presidente recen elexido fale un castrapo atrapallado na súa primeira rolda de prensa trala súa victoria. Ou chicha ou limoná; ou galego ou castelan. É unha honra ser bilingües (xa saben que para min até é unha honra ser diglósico como expliquei noutra perspectiva) e semella absurdo aparentar se o que non se é. Un insulto á intelixencia, vaites. E máis agora, cando hai unha maioría absoluto por baixo. En fin.

O idealista de turno