Arquivo de Abril, 2009

CABEZA DE TURCO

Abril 27, 2009

Os problemas sempre están fóra de nós.
A culpa de todo téñena os demais.
Hai conspiracións “xudeomasónicas” ao noso redor
nós non somos culpables de nada.

Pepe era un vello medroso que vivía coa súa muller Isolina nunha aldea chamada Loirás. Era unha vila pequena cun grande camposanto que se estendía como podía ao redor dunha igrexa tan vella como a vida. Unha igrexa alta e rexa cunha torre que polo día amosaba o paso do tempo coas súas manchas de lique, e pola noite destacaba oufana contra a luz pálida da lúa.

Conta a lenda que nun pasado moi, moi afastado, na noite de fieis defuntos, un monstro xigante viaxaba dende o pasado máis pasado cara o presente máis presente e sentaba no tellado da igrexa, apertándose ao campanario para que seu corpo enormísimo non escorregara. Chegaba para render contas e ouveaba cun son tremelicante pero terrible o nome do vindeiro veciño do pobo que ía morrer.

Cando chegou a noite do trinta e un de outubro do ano dous mil e nove, ao Pepe, estando na cama, véuselle á mente a lenda do monstro do pasado e, cando estaba a piques de se cubrir coa manta para esquecelo, escoitou un salaio, un besbello, un berro, un ouveo terrible que fixo que os pés se lle conxelaran e lle rubisen calafríos dende as pernas até as costas. No ouveo percibíase con claridade “Pepe”, “Peeepeee”, “Peeeeeeeepeeeeeeee” e o vello lembrou que, segundo a lenda, o monstro do pasado avisaba da morte do seguinte aldeán. Lonxe de acabar de morrer co medo, ocorréuselle unha idea abraiante…

Baixou ás apalpadas cara a cociña; escura e tebrosa, púxose de xeonllos e meteu a man debaixo da artesa que a Isolina enchía de comida cada día. Moveuna dunha beira á outra até que súa man topou o que fora buscar: unha caixa grande de mistos. Fóra, na igrexa, o son terrible do monstro non calaba: “Pepe”, “Peeepeee”, “Peeeeeeeepeeeeeeee”.

O vello abriu a caixa e tirou dela con dous dedos unha cascuda gorda e feísima que tiña agochada en tal sitio porque sempre lle chamaran a atención aqueles animais pola súa resistencia, polo seu aguante. E porque á señora Isolina lle daba moito noxo. Achegouna aos ollos e besbellou:

—Xa sei como te chamarei: Pepe. Serás a cascuda Pepe.

Á mañá seguinte o becho amenceu morto, coas patas cara arriba.

Un contista
Jorge Emilio Bóveda

CELO 2.0. OS FIGURANTES DO ENSINO

Abril 19, 2009

Quizais se o corpo se fai vello e se debilita,
tamén se debilite o espírito.
Jenofonte

Tras ter escrito sobre o celo profesional nas páxinas 85 e 86 do meu libro A TRAVÉS DE CRISTAL. Breviario de perspectivas (Liberlibro 2006 ISBN 9788495943991), que poden descargar de xeito gratuíto na web da Asociación de Escritores en Lingua Galega www.aelg.org ou no xornal dixital www.mundourense.com, volvo a el —ao celo— co corazón envelenado co cianuro da desidia e o mal facer dalgunhas persoas que nos arrodean.

Volvo ao celo profesional porque nunha institución latente e patente na nosa sociedade, de importancia tal que “educa” aos nosos fillos, hai (e haberá) figuras, ou mellor dito figuróns ou figurantes, que non dubidan en vivir dos demais, xa sexa dun xeito coma doutro; vivir dos propios compañeiros de traballo ou de quen se poña por diante, se é que se deixa. Recorrendo con pudor cero ás MENTIRAS, ás TRAMPAS. E pensando eternamente, como dixo o psicólogo ourensán Camilo Varela, que as persoas dialogantes e democráticas até a medula “somos”, en determinados contextos, parvas ou pánfilas, ou parvas e pánfilas. E non é de recibo en absoluto.

Protesto amplamente pola falta de profesionalidade no ensino en particular, por agardar o salario facendo o menos posible, por amorear trienios e sexenios, e nonenios se os houbera, e agardar que os traballadores máis novos lles tiren as castañas da lareira aos figurantes. Anóxame a estulticia, o pasar pola vida sen que a vida pase por un, a estolidez, a apatía, o desinterese, a incultura, o dogmatismo, a unilateralidade…

O ensino é algo importantísimo pero a institución tende, lamentablemente, a evitar o conflito e salvagardar a calma a costa ás veces da acometividade de irregularidades, converténdose este ensino nun lamentable “gremio” de funcionarios displicentes, dos arquetipados que non queren traballar e só queren tomar cafés e cubrir quinielas. Logo, cando chega o informe PISA, botamos as mans á cabeza porque España é un dos países de cola en rendemento académico. E LÓ QUE ESPERABAMOS?

NOTA: Como en todo ámbito, como en botica ou rebotica, hai honrosas excepcións que fan do acto educativo unha experiencia positiva e arrequecedora para alumnas e alumnos, o verdadeiro, único e último obxectivo da educación.

Jorge Emilio Bóveda
Escritor e Mestre

…SERÁ?

Abril 13, 2009

Este que subscribe opina que os que se dedican á cultura e á intelectualidade perden a esencia cultural ou intelectual ao divulgar aspectos culturais e intelectuais en detrimento do afondamento persoal na intelectualidade e a cultura. Para que me entendan. Que sería de Joyce, Kafka, Borges ou Pedrayo -por exemplo- se investiran TODO o tempo dedicado á súa produción literaria en falar de literatura en prensa, radio ou televisión???? pois que non serían nin Joyce nin Kafka nin Borges.

Esto ven a conto porque se me ocorreu unha pregunta extensible aos ámbitos englobados na intelectualidade e na cultura: será cultura falar de cultura? Será literatura falar de literatura? Será filosofía falar de filosofía? Será arte falar de arte?… pois non.

Os que sintan a chamada dalgunha disciplina do ser, que non perdan o tempiño en divulgacións. disquisicións, cenáculos porque seu intrínseco deber é responder a esa chamada e non o demostrar o moito que saben sobre algún tema monopolizando paparotas, francachelas e algaradas diversas. A gaita para o gaiteiro. O escritor a escribir. O que moito queira refulxir quizais non sexa tan escritor como se pensa. Ou pensan que si?

Un escribidor

VIVIR

Abril 6, 2009

Despois de escribir nalgunha ocasión do mal que se atopa o mercado editorial, que aposta máis pola literatura de xénero que pola de autor, exhibindo eu un punto de vista triste, apoucado e emocionalmente baixo. Hoxe, seis de abril do suposto ano dous mil nove, son quen de empregar unha trallada frase para definir miña sensación actual cara a literatura: VIVAMOS E DEIXEMOS VIVIR.

Eu gusto en exceso da prosa exacerbada, plena, turxente, complexa, de oracións longas, e humanas ideas espetadas de tal xeito que fan sangrar o texto; demostrando, como dixo Emerson (penso), que as palabras son vasculares e vivas. Amo a literatura das ideas e da introspección e tanto me ten que a moi poucos lles simpatice esa prosa espesa; esa literatura de autor (ás veces non sinten simpatía por ninguha literatura). A min tampouco me gusta a literatura de evasión de mercado esaxerado, nin os xéneros literarios que encorsetan, nin o fútbol, nin a meirande parte de programas da televisión, nin a posesión de cousas materiais como máxima vital, nin os ídolos, nin os deuses, nin as modas, nin a xente “chic”, ni “vip”, nin os saraos das persoas que non coñezo en persoa, nin as revistas do corazón, nin o consumo esaxerado de cousa calquera (alcohol aparte)…

Todas esas persoas encadrables en calquera deses [endo]grupos están no seu dereito lexítimo de rexeitar a literatura de autor, como eu os rexeito a eles, claro. Vivamos e deixemos vivir, navegantes senlleiros que visitades a sección esta. Visitades estas reflexións porque vos da a realísima gana, porque algo lle topades, por empatía, por curiosidade ou porque vos gusta. Porque vivides.

Jorge Emilio Bóveda

EDUCACIÓN VITAL

Abril 2, 2009

Sempre pensei, inxenuamente, que a solución á quebra entre a persoa e a sociedade era a educación, pero cada día que decorre decátome do dura que é a labor; titánica, bestial, impropia de mestres e profesores queimados ou abondo listos como para considerar só seu soldo de final de mes. Pero a educación á que me refiro non é a das escolas, que corren o risco de uniformar moito, senón á educación vital; da vida, amistades, compañas, valores, lecturas, descubrimento e redescubrimento de persoas e lugares e a adquisición dun criterio abondo bo para saber que persoas, que lugares, que lecturas poden ser máis beneficiosos para conformar unha personalidade educada. O demáis, o institucional, importa moito menos.

A educación vital é unha viaxe cara unha realidade inapresable coa compaña inevitable de tres seres particularmente curiosos, un trío de entidades que estorban o indicible: a desmemoria, que é unha muller sen temperamento pero coa autoestima moi alta, pois sabe de boa fe que se impuxo, e se imporá en innúmeros momentos da historia. Dona fama. Fermosísima… pero infiel. E o señor Protocolo. Elegante e moi coidado nos seus xeitos, pero en ocasións mendaz, inxusto, mesquiño e ignorante.

A trinidade camiña con nós no devir da educación da vida e aínda que lles fagamos bulra, persuade a atención dos que camiñan ao noso redor, os nosos coetáneos.

Testemuña da fea trinidade