Arquivo de Maio, 2009

NIN MAIS NIN MENOS… MEDIA

Maio 31, 2009

En canto aos medios de comunicación ultravisuais (pobre libro) hoxe está todo deostado, mais este que subscribe pensa que temos o que queremos; e o que somos. Os programas do corazón, que ninguén ve, son líderes de audiencia nas sobremesas, adormecendo a propios e estraños recen comidos, coa súa bazofia “informativa”. Supervivientes, Gran Hermano e Operación Triunfo van polas edicións vixésimas, cada vez nos petardean máis con series sobrenaturais, criminalísticas ou castizas, porque seguen a tendencia que vende. Da mediatizada figura dos políticos mellor non falar. E, queirámolo o non o queiramos, nos representan. Tanto os programas, como as series, como o xeito amarelo de contar as novas nos telexornais como os políticos. Todo é unha representación nosa.

Pero saben o que lles digo? que nin sequera meu maxín escribidor é quen de imaxinar unha sociedade española diferente, con contidos culturais televisivos nos prime times, co noso alumnado á cabeza do alumnado europeo e mundial en canto a rendemento académico. Non. Non son quen de pre-velo, de imaxinalo, de avanzarme a un presente paralelo de hipótese. Non será que esta sociedade galega e española nosa estivese dende sempre predeterminada? Alguén de vostedes imaxina algo alternativo? Cómo? Non será así e punto? Non será que noso carácter comunitario determina o que nos ocorre? Opinións neste foro, por favor.

CHANZOS

Maio 26, 2009

Mentres gozaba coas buxainas, sobres sorpresa, paracaídas de un peso, picolandia, petazetas, cromos de Ulisses 31, ou de E.T., ou de V, ou de Comando G, agardaban pacientes envoltos no arrecendo de tempo tinta e po Edgar Allan Poe, Emilio Salgari, Julio Verne, Isaac Asimov, H.P. Lovecraft, Conan Doyle…

Unha vez esquecidas as lambetadas e postos ollos, mente e corazón nestes clásicos, agardaban pacientes envoltos no arrecendo de po, tempo e tinta Proust, Joyce, Ortega, Kafka, Mann, Stendhal, Paul Valery, Camus, Borges, Milton, Cela, Pessoa… vivos e sabios, pendentes ou pouco pendentes do lector. Pero sempre eternos, agardando, pacientes. Mentres eu, inxenuo, ocupaba o anterior chazo.

E resulta que, sen esquecer os dous chanzos anteriores, unha vez medio asimiladas as ensinanzas dos habitantes dos segundo chanzo aparezo no terceiro cun sabios que, sen sabelo, agardaban por min, pacientes, envoltos no cheiro de tinta e “intempo”: Juan Goytisolo, José Saramago, Sandor Marai, Javier Marías, Eduardo Mendoza, Xosé Carlos Caneiro, Lóbo Antunes, Milan Kundera, Imre Kertesz… E así seguirán facéndome medrar e constituíndo chanzos dunha escalinata que se sube a si mesma.

PD: non teñen que suscribir estas divagacións. A literatura nunca nos ha de salvar

Jorge Emilio Bóveda

VIRUS

Maio 19, 2009

O sol fíltrase polas fendas da xanela pechada e arrecende a preludio estival, máis eu, que funciono coa luz do sol, non me atopo ben. Unha catarreira “anacrónica” apoderouse de min a través dun virus invisible e nin me deixa respirar, nin discernir, nin ler, pensar, dilucidar… escribir. Pois isto que len é o ditado á miña man dereita* dun intruso que habita un sector recóndito no meu maxin. Un sector somentes. O resto está enfermo, estou maliño igual có mundo, teño un virus que con amor me contaxiou miña filliña. Un virus que soluciona grande parte dos informes médicos e dos que meu ordenador ten a ducias, seguro, filtrados da internet como donicelas afiadas e ociosas.

O mundo tamén está ateigado de virus, e non me refiro a sensacionalismos tales como a Gripe do porco, eufemísticamente chamada Gripe A, esas non son mais ca estrataxemas para manternos preocupados. O mundo padece do virus da cobiza, e mentres ese virus non se erradique, que non se erradicará, seguirá enfermo; seguirá maliña esta bóla con forma de mandarina que vira. Penso que non hai vacina para a cobiza que mantén as desigualdades mundiais como están e as políticas internacionais como conflitos de intereses económicos…

Como dicía aquel chiste vello das prostitutas pouco agraciadas físicamente que insultaban a un viandante bebido chamándolle borracho e este replicaballes: si, pero a mín pásame mañá. Meu virus seguro que esvaece mañá por motivo dos fármacos prescritos polos médicos, pero ao mundo seguiralle a quedar a condea a galeras da enfermidade terminal da cobiza. Si, terminal, escribin terminal, e pódolles asegurar que son unha das persoas máis optimistas que vostede poida coñecer.

Con cariño

Un enfermo

FAUSTO FICCIÓN

Maio 12, 2009

Hai persoas de idade que tratan aos novos como se a xuventude fose un defecto ou unha condea. Coma se a menor experiencia fose un lastro e até os hai que se amosan despectivos ante unha trintena vivida por outros. Como se os novos fosen culpables da súa cronoloxía. Resulta absurdo pero pódolles asegurar que existen homes e mulleres de máis de sesenta anos que amosan este rango.

Será polo terrible cíclope da envexa? Será por deformación educativa cara os fillos propios? Será por pedestre e simple repugnancia? Será porque a vellez aborrece? Será porque os medios de comunicación enaltecen á xuventude como o valor seguro e case único na sociedade? Será por resentimento vital? Será porque a panacea da eterna xuventude é só iso, unha panacea? Será porque o tempo asoballa? Será porque os reloxos nos engulen? Sexa polo que sexa estes sexaxenarios e estas sexaxenarias non perciben que a condea da xuventude se cumple dun día para o outro. Ai!

Un que día a día é menos novo

LER NOVELAS

Maio 3, 2009

Teño un amigo, un bo amigo, que me razona a cotío seu profundo desintererese pola novelística en xeral e por Javier Marías en particular, aducindo que os escritores botan cincocentas páxinas para dicir unha soa cousa e que o que quixer en verdade adquirir cultura debería ler libros de ensaio. Materias concretas que leven da man ao lector cara o coñecemento.

Discrepo absolutamente desa idea, pero supoño que meu amigo se atopa na fase previa ao costume de ler novelas e, se chegara a coller o hábito, toparía a conclusión de que da “ficción” (el engloba toda a novelística nesa palabra horrorosa), da novela das ideas ou de autor, ou de ideas de autor, si se aprende, e ademais se aprehende, e en grande cantidade e calidade. Pois ler novelas non é máis ca DESCUBRIR A REALIDADE A TRAVÉS DE MUNDOS PARALELOS.

Esta idea do descubrimento da realidade a través dos paralelos mundos dos libros engarza ben coa idea principal do discurso de ingreso na Real Academia da Lingua Española de Carlos Castilla del Pino, que dicía, grosso modo, que as personaxes novelescas describen mellor a realidade porque ábrense máis intensamente. Idea esta que non é a primeira vez que amoso nestas perspectivas e que está case convertida en leit motiv na miña novela en castelán El Gallo de Morón (Liberlibro). É importante. A idea e ler novelas. Créanme.

Un escribidor