Aos ollos dun entendido en fundamentos de política pura as eleccións europeas amosaron que a cidadanía ten predilección polo capital e a propiedade privada en detrimento das políticas sociais, cando en realidade, a férrea realidade nos di que, pese a que as cores políticas definan un corpus de ideas concretísimas, a masa seguimos votando dende o punto de vista castigador ou dende o punto de vista de pertenza a un grupo pechado.
-Hai unha crise tremenda. Ides ver, vóulle votar aos azuis… como se a crise non fose unha ameaza xordida de vello en américa…
-Eu son dos vermellos de toda a vida… coma se os parámetros non cambiaran cos anos e as persoas non fixeran análises de conciencia…
É que seguimos a darlle o mesmo trato á política e ao fútbol, no canto de racionalizar calquera paso que se dea, pois ela, a política, queirámolo ou non, representanos. Así, sen racionalizar, votamos á dereita sendo fillos de obreiros, ou votamos á esquerda pisando a calquera con tal de ter ben chea a despensa da nosa familia.
E vostede de quen é? De Kas laranxa ou Kas limón? Dos brancos ou dos negros? Dos azuis ou dos vermellos? Dos tigres ou dos leóns? Do Barcelona ou do Madrid? Dos indios ou dos vaqueiros? Dos bos ou dos malos? Dos republicanos ou dos nacionais? En definitiva Do PP ou do PSOE? Non. Non se trata deso. Trátase, penso, de coñecer en todo intre as características do pavimento que pisamos.
Non é cuestión de pertencer por pertencer nin de empregar o voto como castigo. Cada un no seu recadro da existencia pero sabendo sempre por que.