A verdade é que as xustificacións sempre me pareceron bastante patéticas cando ninguén as pide ou non veñen a conto, ou cando non veñen a conto e ninguén as pide. Pero nesta ocasión non podo menos de escribir estas liñas para toparme algo máis tranquilo comigo mesmo en particular e coas persoas coas que coexisto, e me len, en particular. Resulta que teño dous traballos. Recoñezo que nunca me foi regalado nada e que todo o que vou avanzando é froito dun esforzo extenuante. O primeiro dos traballos é o máis pecuniario, o que me permite manter á miña familia e manterme a min mesmo. Son mestre de escola pola rama de inglés no ensino público dende o ano 2002, ano no que gañei unha oposición. Non foi unha victoria triunfal, tras o baremo saquei cinco escasos puntos, pero o importante é que aprobei e que, gracias a iso, podo manter meu segundo traballo. Escritor. O ensino é fulcro para a literatura.
Cantas veces dubidei desta segunda ocupación, destas horas aparentemente inermes tiradas ao sono e botadas ao lombo coma pesadísimas pedras cortantes. Hai que dicir que é un segundo traballo durísimo, dificilísimo de compaxinar coa docencia e cunha filla pequeniña. Pero o caso é que imos tirando, aproveitando as horas que miña nena dorme para escribir, aproveitando os días nos que non hai que ir ao colexio para escribir. E seguimos neso, facendo libros con menor ou menor fortuna pero conscientes de que estamos nesta bóla mandarina para iso e só para iso, aínda que haxa que combinalo con outros mesteres de máis solvencia para subsistir.
Grazas a meu traballo coma mestre, nestes intres estou de vacacións. Aparentemente son unha especie de demo noxento envexado por meus veciños, parentes, e en xeral, por todas as persoas coas que me cruzo a diario en momentos nos que se supón que debería estar traballando. Qué suerte tenéis los maestros, macho, estáis siempre de vacaciones. Vacacións, vacacións, vacacións, vacacións… A meirande parte das persoas descoñece miña identidade secreta, e os que a coñecen non lle dan crédito, pois pensan que escribir escribe calquera, que o ordenador escribe só, que é unha parvada, ou que é unha ocupación romántica nun home entusiasta infantiloide.
Miña ocupación supón non ir ao colexio estes días pero supón, por exemplo: rematar de escribir máis de cen páxinas de miña última novela, perfilar en cadernos a estrutura dunha novela en castelán que teño comprometida (non prostituída, enténdanme), enviar dous traballos semanais a un xornal dixital, enviar un traballo semanal a outro xornal dixital, enviar dous traballos mensuais a outro xornal en papel, traducir do galego ao castelán un ensaio sobre cine que fixen porque ningunha editorial galega se interesou por el e unha de Madrid quéreo en castelán (¡!), trazar outro proxecto literario de grande envergadura que non podo comentar nesta perspectiva, preparar un libro con estes artigos, que le semanalmente, para ser presentado por unha asociación da cidade… e algunhas actividades máis que non debo comentar aínda; que non me deixan resollo, e que, enumeradas sucintamente, tentan persuadir ás persoas que me coñecen que non son un bo partido para ser envexado, que mellor procuren no gremio dos mestres a outro obxecto do desexo, que eu son unicamente un pobre hiperactivo.
Biquiños dende meu zulo.
Non se fagan mal corpo
Que ando a traballar.