…NON FACER APRECIO

Agosto 22, 2009 por pastorpaez

A Gallaecia xa non é meniña. Quedoume definitiva constancia na última visita a Aquis Querquennis; como saben, achádego dos restos dun campamento romano, preto de Bande (Ourense). Facía moitísimo calor pero, aínda así, dentro desa ruína respirábase unha atmosfera do devir dos tempos. Daba a impresión de que ía peitear meu fociño unha centuria de soldados romanos recen sabidos que o río do esquecemento é só lenda (menos mal). Pedras, malamente sobre outras pedras, onde hai dous mil anos houbo un templo, barracóns dos soldados, un hospital, un enorme hórreo…

Era agosto. Alta temporada do verán. Estaba eu só, paseando entre os vestixios coma unha pantasma do futuro. O resto dos humanos da cohabitación temporal miña tomaba baños no encoro das Conchas: flotadores, colchóns de inflar, balsas, cremiña, nenos, ignorancia, merenda… As ruínas senlleiras igual co edificio do centro de interpretación do xacemento, cuxo aforo se limitaba a algún turista estranxeiro por hora, perdido coma min, pero cuxa présa lle impedía ler os paneis de información.

Xa falei nalgunha perspectiva –polo tanto constante no meu pensar- da humana propensión instintiva a desprezar o patrimonio, a cultura, e a historia mesma. Como lle sucede a este xacemento de Bande e, consecuentemente, ao seu centro de interpretación, apto só, supoño, que para escolares, entusiastas e estudiosos, no que nos podemos facer unha idea da Gallaecia previa á romanización, dos devanceiros da zona, os querquenos, e a fundación da Gallaecia como territorio no século III.

Datos, datos, que nos marcan un roteiro temporal que, se estamos atentos, irá parar a ese punto do tempo cando o centro de interpretación das ruínas de Aquis Querquennis sexa só unha ruína, e haxa inzado preto outro centro de interpretación que interprete o actual centro de interpretación. Aínda que, como siga o humano desinterese, apatía e desprezo, quizais nos agarde a nada, a ignorancia supina e os esquecemento. Quen sabe.

Pantasma do futuro

METÁFORA NOVA

Agosto 22, 2009 por pastorpaez

Como escribidor que describe a realidade, tropecei cunha metáfora nova, sen estética literaria, pouco bonita, pero moi reveladora. Unha metáfora que representa dous conceptos similares pero diferentes. Un do momento presente, pero no presente de todos os momentos, e outro universal e ubicuo, tema central da literatura de todos os tempos.

Por unha banda a metáfora esta fala do efémero, do pasaxeiro, do Express, do abocado a fenecer; corrente á que se arrogan os máis novos (ou os menos novos ignorantes) adeptos á congregación do carpe diem, sen pensar por un intre no carácter moi finito que teñen certas cousas. As modas non son de recibo, non.

Na outra banda a metáfora escarva nosa propia existencia, que subxace. O manido, pero inexorable, paso do tempo, a decrepitude, o drama dos cambios físicos, o advenemento das canas, a mutación da carne, a perda de fluídos e a inevitable morte. Quizais o xeito de “desoír” esta banda do tempo frenético sexa adscribirse á outra banda, a das modas, pero penso que os adeptos á banda do efémero non ven máis cas bonitas e engaiolantes cores. Rexeiten as modas, as tendencias, o cambiante, o que non ha permanecer, o abocado á substitución; ao re emprazamento.

Ao fío da perspectiva estarán vostedes dicíndose: onde diaño está a metáfora? Pois a metáfora “nova”, a que contextualiza a perspectiva ten que ver coas novas IMPRESORAS FOTOGRÁFICAS; cachifallos nunha tendencia actual de fotografía doméstica. E que terá logo que ver a impresora fotográfica doméstica coas dúas bandas que reflectimos??? Para sabelo fágase cun trebello de impresión a “toda” cor, merque tamén papel fotográfico en cómodos (e caros) paquetes, e imprima unha imaxe que a súa vontade dite…

Aparentemente ha pensar que ten o resultado do traballo dun dos mellores fotógrafos, pero logo comprobará que as horas comezan a comer con ansia as cores, que os días comezan a desdebuxar os contornos, que as semanas comezan a desvelar unha imaxe deprimente, que difire moito da inicial exposición de cores. Porque estas máquinas de impresión que están de moda na década do 2000 propenden á imaxe efémera que o tempo larpeiro engulirá. O que o tempo a longo prazo (Cronos) non conseguiu facer coas imaxes sepia dos nosos avós, faino o tempo a curto prazo (Cronida) coas imaxes estas, paridas polas domésticas máquinas do diaño. Ven a metáfora?

Un fotógrafo case cego

A MORTE DO ARTISTA

Agosto 5, 2009 por pastorpaez

Deslízase agosto insulso. Esvara coma un bloque de xabón puro sebo na pedra de fretar. Sen sabor e pasivo, dándonos información falsa de que todo vai ben, conforme o establecido, de que o mundo marcha calmo como dorna en auga estanca; calmo e sen incidencias, de que a túa casa é unha prolongación da humanidade, cando o humano se debate entre si propio e a catástrofe, entre súa supervivencia e a pervivencia do mundo, levando mal o logro dos semellantes e vangloriándose -de xeito inconsciente se queren- cos fracasos, e perdendo a perspectiva dos grandes conflictos alleos de puro reiterados.

O do incomodo cos logros dos veciños reafírmoo coa lectura da biografía de Rafael Cansinos Assens en tres tomos. Cando fala da bohemia madrileña de principio do século XX: Valle Inclán, Jacinto Benavente, Pío Baroja, Pedro Luis de Gálvez, Pedro Barrantes, Xavier Bóveda, Armando Buscarini… que cohabitaban un mundo de letras sempre coa mosca trala orella por se alguén triunfaba máis cós outros. O que nos da a entender que, nesto da literatura, coma en outros ámbitos, só a morte do artista o libra do estigma horrible de ser envexado. En cantos casos, mi madriña, a morte do artista é a súa consagración.

Un que sinte ledicia polo éxito do próximo

RANCOR

Xullo 29, 2009 por pastorpaez

É unha serpe ominosa que morde en si propia. Unha mesquiña meretriz que, á mínima de cambio, se cobra máis da conta e queda co cambio. Unha pantasma indesexable que aproveita as conxunturas insospeitadas, as menos oportunas, para saír ao paso coas súas fantasmais gadoupas abertas en cruz; unha cruz para a túa crucifixión dende o principio dos tempos. É un cobrador de morosos que sabe perfectamente o que cobra pero non para quen traballa. É unha lagoa cristalina que se transforma en poza terrible e cheirenta cando menos o agardes, por orde de alguén que botou a inmundicia nesa poza perdido no tempo. É un xuízo sumarísimo que ripará túa cabeza nunha sorte de Marble Arch improvisado, inesperado, ominoso e criminal. Un prato frío que sabe á arxila daquela poza de hai unhas liñas. Un inesperado bloque de xeo encol de nosas costas non decatadas. Unha xustiza, quizabes, abondo xusta, milimétrica, ollo por ollo, simétrica e especular (de espello); reflector insaciable da condición humana que suma enteiros que se fan irmáns da mala fe, a envexa, cobiza, fachenda, maniqueísmo, dogma e, en xeral, do que non nos cómpre para progresar humanamente, en calidade, en espírito, en evolución, en personalidade. Porque el, o rancor, é unha bomba de ignorancia con temporizador, que estoupa nun “xa me fodiches agora tócame a min”.

E unha pregunta xorde ao paso desta reflexión en metáforas: será maniqueísmo considerar ao rancor coma un inimigo? Para non correr o risco de incorrer neste parente do rancor (o maniqueísmo), o plan case perfecto é colocarnos de escorzo a el e darlle as costas. Porque así, e só así, veremos un escollo menos na necesaria humana evolución. Pensémolo pois.

Un ente que carece de rancor.

O PORVIR DO APRENDIDO

Xullo 22, 2009 por pastorpaez

Hai frases que, entre outros sentimentos desagradables, producen estupor. Sentencias pouco traballadas humedecidas no atraso do tópico. Oracións rápidas expelidas polas bocas sen o mínimo albisco de raciocinio. Expresións que detectan a categoría máis mediocre da humanidade. Cadeas de palabras que, quizais, tenten demostrar o pouco que medramos interiormente e o moito que o facemos parvamente, en estulticia, en apatía, en acritude, en displicencia…

A frase que petou nestes días contra meus oídos estupefactos foi: Á MIÑA IDADE QUE VOU A APRENDER? Pois, meu meniño humano, moito, sen ánimo de empregar ese refrán manido que o lector ten en mente (nunca te…), inzarei a voz para dicir por escrito que a vida toda é un aprendizaxe continua, unha educación permanente, un intercambio soterrado de informacións válidas ou valiosas, ou ambas cousas. A vida é unha lección de leccións, enorme, inabarcable e necesaria coma o alimento.

Cada intre posúe un distinto fío directo co coñecemento e a aprendizaxe porque o “aprender” primeiro nos dotou de adminículos para o “aprender” seguinte, nunha sucesión didáctica que todas as persoas que conformamos a grande aldea deberíamos valorar. Cando a triste realidade brámanos que sentencias dogmáticas e totalitarias como Á MIÑA IDADE QUE VOU A APRENDER? Póñennos de manifesto que estamos rodeados de conformistas conformes que se cren sabedores do camiño da ortodoxia. Ou que están resignados nas súas infaustas existencias. Cando deberían saber que se fai vello e se consume o que mira cara ao pasado ignorando o futuro. A aprendizaxe que aínda está por vir. Que si.

Un discente vital.

CATEGORÍAS

Xullo 15, 2009 por pastorpaez

Lembreime das verdades parcialmente inexactas cando viaxei ao Reino Unido por última vez. Os tópicos, os estereotipos; esas armas inermes de ferir que feren, que sinalan co dedo tontamente. E nunca atinan. Di o tópico que os ingleses son secos coma os casteláns de Castela, que non se divirten, que non teñen humor, que son altivos coma os madrileños, que non saen pola noite coma os alemáns, que comen mal coma os andaluces, que son todos obesos coma os americanos, que as inglesas non se depilan, coma as francesas, e están esbrancuxadas coma as suízas, e son feas coma o demo… maldita estereotipia inane e ignorante.

Falei cunha parella divertidísima bebendo unhas pintas no Soho de noite. Un policía no palacio de Buckingham díxome, facendo alarde dun humor finísimo, que as mulleres, indiscretas, son as que máis se arriman ás reixas para ver o cambio de garda e que algunha chega a meter a cabeza entre os ferros e non a da tirado. Os bobbys fanse fotos contigo, os gardas do museo británico son agarimosos e ledos. Hai restaurantes de todo tipo para comer calquera cousa e supermercados de varias clases para mercar o que queiras comer. Hai inglesas tipicamente louras moi atractivas, hai xente de toda clase, cor ou condición. De todo menos british. E o británico de cepa non cumple o tópico ao cen por cen. O único que se cumpre de xeito rexo é a conducción pola esquerda.

E que penso que precisamos categorizar para vivir mais tranquilos. Ordenar aínda que sexa de xeito aberrante. Meter no saco que nos pareza aínda co risco de prexulgar. E non é de recibo. É preferible vivir en máis desacougo e comprender dunha boa vez que hai unha diversidade individual que opera alén dos colectivos. Que non estamos no mundo para colgar etiquetas senón para intercambiar experiencias e coñecementos e medrar.

Un galego que sube

LITERATÚA

Xullo 15, 2009 por pastorpaez

Hai certos libros que che fan volver atrás no tempo, pero no teu tempo, esvaído. Que constitúen verdadeiros fenómenos dejavú. Que che levan a camiños recorrentes e a paisaxes comúns que che fan sentir marabillosamente ben, porque compatibilizan perfectamente coas túas lembranzas, túas ideas e o teu xeito de pensar. Ideas, que se amorean coas outras ideas, ate ir construíndo unha vida aos poucos. Unha vida, que nos “lembra” o imprescindible que é recordar. Pois eles, os recordos, serán o único que habemos levar con nós á cova.

Este sentimento mo produciu o universo caneiriano sintetizado na súa última novela curta. Volvín paladar os personaxes estereotipados dentro da estereotipia propia do escritor de Verín, no seu mundo estilístico eclosionado que nos di TODO sobre o que subscribe. Xa que na súa literatura todos os personaxes converxen nun mesmo punto chamado Xosé Carlos Caneiro: Libardino Romero é Tristán Luces, quen á súa vez é Hermelinda Bovary, quen á súa vez é Tomas T. (personaxe principal desta obra que me ocupa), quen á súa vez é o escritor. Case nunca se ve un fío tan directo entre un autor e unha obra, e iso é de agradecer, pois denota, transpira, zumega SINCERIDADE. Algo que se bota en falta en certos ambientes literarios.

Blue Moon é, pois, literatura caneiriana concentrada, onde atopamos todas as constantes que definen súa prosa pulida e musical: un dos personaxes dedicado á psiquiatría, unha adxectivación exacerbada, inventada e ás veces voluptuosa, unha chea de infelicidade que che da pulo para querelo saber todo deses personaxes infelices e humanísimos, policías sen demasiado protagonismo (exceptuando ao Aurelio Arias de Ébora) e unha atmosfera cargada de síndrome Bovary. Bovarismo: estado de insatisfacción crónica duns personaxes producido polo contraste entre súas ilusións e as súas aspiracións e a realidade que as frustra. Porque a literatura de Caneiro é unha grande lúa azul plena de melancolía e desazón. Somos humanos e, por iso, nos envolve, nos chama e nos leva.

J. E. Bóveda

PARVAS FORMIGAS

Xuño 30, 2009 por pastorpaez

Mentres pasaba o ferro ás pequenas prendas da miña pequena prenda, vin un documental sobre o espazo e o tempo. E decateime de canto choca o transcendental, o astrofísico e o case metafísico* coas absurdas preocupacións e os moi humanos comportamentos.

O tempo e o espazo cósmicos son unha monstruosidade en comparanza coa insignificancia nosa. E, así e todo, seguimos mentindo, sorrindo ás persoas que non nos gustan, ofrecendo beixos e apertas ao próximo á vez que lle facemos mentais xuízos sumarísimos, ou dando a razón insultando mentalmente pola carencia de razón.

E a bóla do mundo vira entornada no valse interestelar pola inefable cantidade dos corpos celestes. Vira. Rotación, translación, quasares, relatividade, non tempo, anos luz, constelacións, galaxias… inmensidade. Infinito… Imbécil. Porque, na inmensidade, nós cada vez nos facemos mais pequenos, concedendo importancia e entrando no xogo perpetuo das cousas insignificantes que contextualizan á mediocridade na condición humana.

*O astrofísico é ás veces metafísico para miña comprensión limitada.

Unha formiga

COLECTIVO INCONSCIENTE

Xuño 24, 2009 por pastorpaez

Nota: pido previamente desculpas a C. G. Jung por esta divagación. colectivo inconsciente copia

Pensen nos milleiros de millóns de humanos que conformaron a humanidade dende a orixe dos tempos. Pensen despois no coñecemento que estas persoas foron legando á conciencia colectiva (ou, se me apuran, inconsciencia colectiva). Pensen que, se houbese posibilidade de almacenar recordos nos xenes, estes poderían transmitirse de xeración en xeración. De aí o segredo das regresións hipnóticas e as patrañas sobre outras vidas vividas (perdónenme os científicos, os puristas e Iker Jimenez).

Xa sei que estes razonamentos un tanto pedestres e seudotranscendentais cheiran á teoría do inconsciente colectivo de Carl Gustav Jung, psiquiatra suízo que desenvolveu unha teoría co “Inconsciente colectivo” como concepto básico. Dita teoría establece que hai unha linguaxe común aos seres humanos de todos os tempos e lugares do mundo, conformado por símbolos primitivos cos que se expresa un contido da psiquis que está alén da razón, transmitida a saber como.

Cada vez cobra máis forza, pois, collendo ao señor Jung da man e sen entendelo moito, a explicación de que esa linguaxe propagada á humanidade total faga de nós un «colectivo inconsciente» dende a orixe dos tempos. Sen demasiado interese en razonar, en saber, en autocoñecerse, en convivir democráticamente. Con moito interese en pensarse superior aos demáis, en amosarse bruto, animal e instintivo, en satisfacer os instintos…

Ás veces penso que, por mor desa transmisión lingüística cargada de máis vicios ca virtudes, a humanidade pulula cega, inconsciente da súa propia transcendencia, formando inconscientemente un grande “COLECTIVO INCONSCIENTE” Para cando un despertar??????

Un individual inconsciente

RELATO CÍCLICO

Xuño 20, 2009 por pastorpaez

A humanidade móvese entre moita repetición e pouca innovación

Vivimos de xeito inconsciente nun sistema de aconteceres ciclados. Os veráns, cun verán máis nas portas, as festas de Ourense, cunha festa máis a piques de comezar, os gobernos de esquerda e de dereita, cun goberno de dereita na Galicia e outro a piques de chegar a nivel nacional… e é que nos repetimos como humanos que somos, reiterativos, intermitentes, pero sempre acudindo ao punto de partida. De que serve innovar? de non moito, pois.

A invasión do Iraq xa se fixo polos mongois en Bagdad no ano catapún. Calquera berro ou discrepancia conduce a un conflito que desencadena unha guerra. E as guerras son todas o mesmo. A democracia xa a había na Grecia clásica, antes dos reinados tiránicos. O laicismo moderno e progresista xa se deu na época da Ilustración. O “turismo termal” xa se deu na época da romanización.

Todo o anterior fainos sentir arrepíos ao pensar que neste suposto século XXI da suposta era que nos contextualiza pode chegar calquera cousa en estado de repetición histórica. Botemos a vista no rango de tempo dende hai cinco mil anos até hoxe e poñámonos a tremer. Dígocho eu.